13/10/13

[Arteixo] Comunicado Concentración 12 outubro pola Morte de Diego Viña e contra o Procesamento dos seus Familiares por reclamar Xustiza.

Difundimos:



Concentración 12 Outubro de 2013, Paseo fluvial de Arteixo 12,00.

Comunicado polo acto que se celebrará o vindeiro sábado día 12 de outubro, en memoria pola Morte do rapaz Diego Viña Castro, falecido aos 22 anos de idade no Cuartel da Garda Civil de Arteixo o 22 de setembro de 2004, atopado aforcado na sua celda. E na repulsa polo procesamento de 15 familiares e amigos, acusados pola Garda Civil da Comisión dun Delito de Inxurias ao Estado polos actos de memoria e duelo realizados o 12 de Outubro de 2010 en Arteixo.

Diego Viña, segue con nos.

9 anos, 9 anos, si, si, si; 9 anos é o tempo que trascurriu xa dende que Diego Viña nos deixou. ¡Increible! como pasa o tempo para os vivos, pasmosa a quietude dos mortos. Mais ese rapaz indefenso que faleceu no Cuartel da Garda Civil de Arteixo nun dia aciago alo polo ano 2004, segue con nos.

Segue con nos, pese ao tempo trascurrido, porque os días, as horas, os minutos, os segundos, non borran o indeleble dor dunha nai, non atenuan o sentimento fondo de perda do froito das suas entrañas. Non. Mais todo o contrario, o tempo, se transforma nun suspiro peremne, nunha lembranza imsomne.

Segue con nos, facendonos preguntas; Porque? Interrogante que o poder evitou unha e outra contestar, empregando para ilo lastrados muros de burocracia, espellos de legalismo, abismos de letras e pólizas, labirintos de espiñas, e sobre todo o poderoso medo que provocan os lobos oubeando na escuridade. Como? Para que alguén poña luz sobre ás estrañas circunstancias que rodearon sua morte.


Coa pa dá sua indiferenza, todos eles cavaron e cavaron un buraco onde soterrar ás preguntas baixo explicacións bacuas, sen pretendelo e guiados pola impunidade da noite, fixeron unha cova a medida do cadaleito do morto; mais a terra que cavaron espallouna o vento, e chegou a cada casa desta vila, a cada ventá onde durmia un rapaz, a cada ollo aberto disposto a chorar. E o vento decia: ¡¡morreu Diego no cuartelll...!!, fiuuuu, ¡¡¡ningén sabe porquéeee!!!.

Así, pouco a pouco, paso a paso, ás explicacións oficiais dás causas dá morte recibiron sepultura no mausoleo de casos fechados, durmindo o soño eterno no cemiterio onde repousan decenas, centos e miles de ninguéns, eses que faleceron no preciso instante que os esquenceron.

Segue con nos, malia que calquer intento por lembralo, se convirtiu para a sua familia e amigos na imputación flagrante dun acto delituoso. Para elo, invirtiuse sen ou mais mínimo rubor ou consideración etica, a balanza dá xustiza. Pasando a ser a victima a perseguida. Pasando a expresión mais animal dá dor pola morte dun ser querido, a ser considerada unha actuación inxuriosa, que atenta agora, (segundo eles) contra a honra, a honra?. Si, a honra nen mais nen menos que dos corpos e forzas de seguridade do estado.

A mesma honra que a dos funcionarios públicos que tiñan baixo o seu coidado a Diego Viña e ás 64 persoas falecidas no ano 2012 cando topábanse baixo esa custodia protectora que rematou sendo a sua tumba. A honra, dun sistema penitenciario que dende o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2012, deixa unha cifra de falecementos nas suas celas de 507 persoas do total de 786 falecidas noutros centros de detención.

Honra?, como se a honra fora algo que se merca ou se dispón por lei. Como se a familia do falecido non fora ultraxada na sua honra ao serlle entregado nunha bolsa de prastico, os restos do seu fillo detido horas antes. Como se Diego Viña non tivera Honra, e polo tanto non existise honra na sua memoria. A honra deles.

Segue con nos, claro que si; como todos os mortos que lembramos. Non omnis moriar “non morremos de todo”, perduramos na lembranza tenue, e nos sentimentos de quen nos quere, e eso si é unha HONRA.

Segue con nos..

Nais Contra a Impunidade, apdo correos 263, de Santiago de Compostela

https://www.naiscontraimpunidade.org

extraido de Abordaxe Revista

Ningún comentario:

Publicar un comentario