22/11/14

O negocio oculto dos cárceres españois

(extraido de Abordaxe Revista)

Recollimos (e traducimos) este moi interesante artigo do xornalista Fernando Romero publicado no nº 34 da revista “ATLÁNTICA XXII” de setembro de 2014:
amadeu livro Amadeu Casellas estivo preso nos cárceres españois durante máis de vinte e cinco anos e acaba de publicar o libro Un reflexo da sociedade. Crónica dunha experiencia nos cárceres da democracia, no que denuncia con nomes e apelidos aos que se enriquecen cos reclusos. Entre eles están a familia Pujol-Ferrusola, Telefónica, El Corte Inglés, ACS, o Banco Santander e Concellos de toda España, pero hai moitos máis.
O mundo dos cárceres en España é un tema tabú, do que moi pouca xente, salvo os que teñen familiares dentro, coñece a súa verdadeira realidade. Como acontece no noso mundo, do sufrimento dos demais sempre hai alguén que obtén proveito económico. Iso acontece tamén intramuros. Os presos convertéronse nos novos escravos do século XXI porque o Estado de Dereito se adoita estrelar cos muros das prisións.

el-negocio-de-las-carceles-212x300 O negocio dos cárceres foi denunciado en numerosos foros de Internet, en publicacións radicais ou de apoio a presos e en blogs de escasa repercusión. Os medios de masas case nunca recollen noticias que poñan en dúbida a institución penitenciaria. Non obstante, lentamente, grazas sobre todo ao testemuño de presos e organizacións humanitarias ou de apoio aos reclusos, vai emerxendo a información á superficie.
O Organismo Autónomo de Traballo e Prestacións Penitenciarias (OATPP), dependente de Institucións Penitenciarias, funciona como unha empresa de traballo temporal (ETT) e ten máis de 12.000 presos traballando nuns 200 talleres. A eles hai que sumar os que están baixo o control do CIRE (Centro para a Iniciativa da Reinserción) da Generalitat catalá, que vai por libre. Os internos están a cobrar soldos ínfimos, non teñen dereitos laborais e están a xerar unha produción por valor de millóns de euros con grandes beneficios para as empresas que os utilizan e que ademais teñen a vantaxe de que aforran o pagamento de luz, auga, teléfono e mesmo parte das cotas da Seguridade Social, que corren a conta da Administración; e todo iso grazas aos convenios coa OATPP.

O número de reclusos “traballadores” aumenta ano a ano e multiplicouse por tres en tan só unha década. En teoría estes organismos que contratan presos para o exterior falan de “programas de reinserción”, aínda que o certo é que se converteu nun negocio lucrativo para moitas empresas. Na memoria de Institucións Penitenciarias de 2012 menciónanse uns beneficios en todo o Estado de cinco millóns de euros (con vendas de 162 millóns) grazas á actividade produtiva dos internos de todas as prisións: un total de 12.217, dos cales 3.119 producían para empresas privadas.
Cen empresas, cincocentos clientes
O máis rechamante é o da familia Pujol-Ferrusola, porque entre os seus negocios tamén está este penitenciario, aínda que non saíu á luz tras destaparse o escándalo sobre as actividades da saga. Marta Ferrusola, esposa do ex presidente Jordi Pujol, estivo na directiva do CIRE a finais da década dos noventa, aínda que nunca se lle vía polo seu despacho. Amadeu Casellas denunciouna no seu día sen éxito ante a Fiscalía porque dicía que cobraba un “soldazo” sen acudir ao seu posto de traballo. Por outro lado está a empresa Servivending, que subministraba produtos e máquinas expendedoras ao CIRE e que ao parecer foi posta en marcha por un dos fillos de Jordi Pujol, aínda que actualmente só aparece como administrador único Manuel Antolín Aznar.
Segundo fontes que investigaron ao CIRE, a familia Pujol estivo dende o principio nesta entidade. Coñéceselles tamén un negocio de flores dependente desta institución. Estas iniciativas pronto pasaron a outras mans porque, segundo as citadas fontes, “os Pujol poñían en marcha o negocio e logo o vendían”.
private-prison-is-profit1 “El Corte Inglés” enriquécese cos presos por partida dobre. Por un lado tenos traballando para as súas tendas nunhas condicións precarias e por outro lado son logo os propios reclusos os que adquiren eses produtos. A multinacional de Isidoro Álvarez subministra sabas, mesas, camas, bandexas de comida, cadeiras, roupa para penados e funcionarios, mantas, colchas e ata os lotes hixiénicos. E son os presos os que están a fabricar todo o material téxtil con soldos que non pasan de 200 euros ao mes. Tamén Correos usa presidiarios como man de obra, cobrando menos de 12 euros por oito horas de traballo.
Outras moitas empresas e sectores nútrense da man de obra barata dos cárceres. Por exemplo, o de fabricación de automóbiles. Nos cárceres fabrícanse os cadros de instrumentos de Seat, Volvo e Renault. Tamén se producen as pastillas de freos de casas moi coñecidas como Jurid. En Lleida os presos fabrícanlle á adega Raimat caixas de froita de madeira e cartón. Hai imprentas onde faise case todo o material dos xulgados e audiencias de Cataluña. En Girona, os presos confeccionan coas súas mans os álbums de fotos que fabrica a empresa Manuart.
Outro dos que saca tallada do negocio dos cárceres é o presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, a través da súa empresa ACS. Constrúe os cárceres e despois cobra o aluguer, como é o caso de Brians 2, a prisión de Manresa, a de Figueras, a de Tarragona e moitas máis por todo o territorio español. Por cada unha delas, di Casellas no seu libro, “cobra ao mes máis dun millón de euros”. Florentino Pérez foi un dos construtores que se beneficiou do Plan de Creación e Amortización de Centros Penitenciarios que supuxo a construción de 46 novas infraestruturas penitenciarias no período 2006-2012, cun investimento de 1.647,20 millóns de euros, ademais doutros 1.504 millóns xa aprobados por anteriores Consellos de Ministros. Outras empresas que tamén se beneficiaron son COMSA e Ferrovial. Da primeira, o seu conselleiro delegado é Josep Miarnau, mentres que Ferrovial está presidida por Rafael del Pino Calvo-Sotelo. Tamén participan da repartición do pastel FCC, grupo de empresas das irmás Koplovitz.
Outros produtos que fan os presos son os mosquetóns para practicar a escalada e o rápel. Tamén hai traballos para empresas externas de carpintaría metálica, confección industrial ou cultivo en invernadoiro, aos que hai que engadir as tarefas para as propias prisións, como cociña, panadaría, mantemento, xardinaría e lavandaría.
Telefónica fai tamén negocio a custa dos presos, pois mantén unha situación de monopolio. Iso é posible porque todos os reclusos deben comprar obrigatoriamente as tarxetas de Telefónica para chamar a súa familia, amigos, avogados, etc. Cada tarxeta custa un mínimo de 5 euros e poden facer dúas chamadas a móbil se chaman dentro do territorio español. Se é ao estranxeiro, o custo da chamada dispárase. Os presos poden chamar cinco veces á semana cun custo mínimo de 10 euros semanais por preso. Como en España son máis de 60.000, calcúlense os beneficios.
En Euskadi os presos traballan para Eroski e Citroën. En Cataluña o Grupo Codorniu ten condenados traballando para adegas de Lleida. Outras empresas que utilizan a man de obra barata dos presos son Saveco, Valeo (automóbiles) e Asimelec (electrónica e comunicación).
Ademais OATPP ten contratos con Concellos de toda España e todo signo político. As Cámaras de Comercio de moitas provincias asinan convenios con esta entidade. Tamén ten convenio cos cárceres a Confederació d’Associacions Empresarials de Balears (CAEB).
Calcúlase que máis de 100 empresas e 500 clientes particulares contratan presos, aínda que a cifra real é difícil de coñecer xa que os datos non se fan públicos e non aparecen no BOE. Neste sentido hai que mencionar ao blog en apoio aos presos, Punto de Fuga, que está a facer un meticuloso traballo de investigación sobre estas empresas.
As denuncias sobre explotación de presos empezan a ser cada vez máis numerosas. A Asociación Prol Dereitos Humanos de Andalucía informou recentemente de que uns 12.000 reclusos están empregados no cárcere con soldos de ata 0,5 euros á hora e entre 80 e 300 euros ao mes. Sinalan que a vulneración de dereitos laborais dos presidiarios é “un problema case descoñecido” que nega horas extra ou vacacións e “achega un subsidio de desemprego máximo de 100 euros”.
Outras fontes coinciden en que os presos empregados non teñen pagas extraordinarias, horas extra ou vacacións nin por suposto posibilidade de denunciar a súa situación a través dos sindicatos, porque estes están ausentes dos cárceres. Ao obter a liberdade, por cotizar, non gozan do subsidio de excarceración -426 euros, ata en 18 meses- senón da prestación por desemprego que apenas chega aos 100 euros, polo que moitos internos prefiren non traballar. Os salarios, segundo estes informadores, oscilan entre os 120 aos 150 euros ao mes, con horarios de 8 horas diarias, cinco días á semana.
O Banco Santander fai caixa
Valentín Matilla González é un ex recluso que estivo tres anos en Villabona (Asturias) e foi excarcerado en novembro de 2013. Corrobora o que publica Casellas: “Hai negocios en todos os cárceres, pero só algunhas considéranse ‘produtivas’, porque fabrican para empresas”. Non é o caso da prisión de Villabona, pero si, por exemplo, da de El Dueso (Cantabria), “á que todos queren ir porque traballa con moitas subcontratas e hai moita indixencia. Para que te trasladen tes que portarte ben e por suposto hai tráfico de influencias”.
Fala de El Corte Inglés, o subministrador “oficial” dos obxectos de consumo dos presos: “Se un interno quere ter unha televisión, non pode ir ao mercado libre, senón que ten que comprala en El Corte Inglés”. O sistema é o seguinte: aparece polos cárceres cada 15 días o que os internos chaman “o demandadero”, que recolle as necesidades de produtos e obxectos dos reclusos. Logo acode a El Corte Inglés a por eles.
Tamén o Banco Santander se beneficia dunha situación de monopolio porque os presos só poden ter os seus aforros na entidade de Botín. Mesmo se se mandan transferencias, teñen que ser a través deste banco.
Os presos gastan e ingresan a través dunha tarxeta vinculada o Santander. Poden ingresar un máximo semanal de 100 euros, o que acontece habitualmente os mércores. Se, por exemplo, o ingreso faise un xoves, ata o seguinte mércores non se cobra, “así que imaxínate que negocio fai o Santander co diñeiro de todos os presos de España durante os días que non poden facer uso del”.
Matilla coñeceu moitos presos que viñan doutros cárceres españois e contáronlle os negocios de cada localidade. Pon o caso de Alcalá-Meco, no que un director trasladou a panadaría da prisión ao exterior para aumentar o negocio.
No Centro de Integración Social (CIS) de Villabona prepáranse os destinos remunerados para algúns internos. Por exemplo, para o sector de limpezas, no que a remuneración é de 150 euros mensuais. Na cociña as condicións laborais “son un escándalo”, segundo Matilla, en referencia ás longas xornadas e a escasa remuneración. Logo están os cursos de xardinaría remunerados que se realizan a través de convenios entre institucións penitenciarias e moitos Concellos españois. Os presos aseguran que non existen tales cursos, senón que son enviados a traballar igual que os empregados municipais, cobrando uns 300 euros mensuais coa mesma xornada laboral que os seus compañeiros; ademais, aseguran, teñen que pagarse o transporte.
O Concello de Langreo foi o primeiro de Asturias que asinou un convenio coa prisión de Villabona a través do CIS. En teoría os reclusos traballan nun taller de formación para aprender un oficio e logo reinserirse na vida laboral. O certo é que non é así. Son peóns utilizados (sen recibir ningunha formación) nas tarefas de xardinaría do Concello. Non está con eles ningún monitor ou formador senón que son grupos de 3-4 persoas acompañados dun empregado municipal que lles indica a tarefa a realizar.
Os presos cos que contactou esta revista aseguran que para este tipo de traballos non se fan nóminas senón que che dan un papel de mal xeito. En Villabona, di Matilla, “os destinos remunerados manéxaos un tipo, a man dereita do director de seguridade, que por suposto funciona por medio do tráfico de influencias, cos seus chivatillos e unha recua de xente esperando para que lles reciba e lles dea un traballiño”.
Antigamente había economatos que agora pasaron a denominarse “boutiques”. Este cambio de nome supuxo simplemente un aumento de prezos dos produtos que se venden.
Funcionarios a corpo de rei
Pero non son só os empresarios os que sacan tallada dos presos. Tamén se benefician moitos funcionarios de prisións, que utilizan entidades públicas, como o CIS ou o CIRE, dende as cales se moven todos estes negocios, moitas veces camuflados como talleres de formación, e cuxa filosofía empresarial non é por suposto explotar os presos senón “integralos no mundo laboral”.
Segundo Casellas os empregados do CIRE “viven a corpo de rei e son parte da armazón que explota aos presos”. ATLÁNTICA XXII intentou poñerse ao fala con Institucións Penitenciarias para preguntar sobre estas denuncias, aínda que indicaron que por “vacacións” ninguén podía atender á chamada da revista. O mesmo aconteceu con outro dos organismos denunciados por Casellas no seu libro, o CIRE. A súa directora, Elisabeth Abad i Giralt, eludiu contestar ás preguntas desta revista, aínda que dende o gabinete de prensa mandaron unha mensaxe na que afirmaban que o CIRE ten un obxecto máis social que económico e que “é unha empresa pública da Generalitat de Catalunya que se ocupa da reinserción das persoas privadas de liberdade, mediante a formación en oficios e o traballo penitenciario”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario