05/05/14

[Ourense] Feira Itinerante Fóra das Prisións "Libre, Libre, Quero Ser"

Escrebenos dende Ourense para informar desta iniciativa solidaria anticarcelaria que están a por en marcha para este vindeiro mes de maio, adxuntamos o cartaz con a info e unhas primeiras fotos, que nos enviaron "para que fagades a publi..." . Considerando a temática e a razón desta Feira Itinerante, en Abordaxe acordamos darlle un seu espazo na nosa coluna da direita ao carón da Feira do Livro de A Guarda (felizmente sucedida e que retiraremos despois de fazer públicas as valoracións da mesma, ás que animamos a todas as participantes, se quixer, a enviarnos as súas propias).

PRESENTÁMONOS:
Somos un grupo de persoas diversas con diferentes experiencias e utopías. Compartimos a idea de visibilizar o silencio do cárcere. Propomos que a xustiza que reclaman as prisións para xustificar a súa existencia é falsa, incoherente e manipuladora. Nós queremos a solidariedade non o castigo.

¿POR QUE?

Porque pensamos que as prisións crean impotencia e reforzan a desesperación. Non dan solución aos problemas sociais senon que causan máis miseria ao tempo que enriquecen a quen as controlan. Porque non confiamos nos seus programas de reinserción e reeducación e moito menos nas súas necesidades para o castigo e a tortura. Porque queremos unha realidade baseada no apoio mútuo, unha resposta a soidade e ao aillamento dos muros.

¿PARA QUE?
Para visibilizar a realidade dxs presxs a través das súas voces. Para botar unha man ante as necesidades que xeran a reclusión e a marxinalización. Achegar a realidade deste dispositivo de control e punición nun momento no que a represión aos movementos sociais e a criminalización da pobreza e da solidariedade son evidentes.

ACHÉGATE!
Xuntámonos durante o mes de maio en diferentes bares de Ourense.

Achégate para coñecer a realidade das cadeas. Achégate para escribirlles, para colaborar traendo selos, sobres, roupa, calzado ou materiais de lectura que podan precisar as persoas presas. Escríbenos se queres compartir as túas experiencias.

Participa se queres axudar a construir este proxecto

PUNTO DE RECOLLIDA DE MATERIAL.- A SOLIDARIEDADE COMO ARMA
Que os cárceres están cheos de xente pobre é unha obviedade que a case ninguén escapa. As prisións agravan e cronifican ata límites insospeitados esta condición. Partindo desta premisa nace este proxecto: recoller distintos materiais doados por xente solidaria no exterior que axude a combatir, na medida do posible, esta indixencia, extendendo os lazos de solidariedade e abrindo unha porta ao exterior.

Non entendemos está iniciativa como unha “obra de caridade” senón como unha acción solidaria constante e combativa, contra os cárceres, o negocio e a pobreza que enmascaran e a desesperación que xeneran. Por isto cada material que logre cruzar os muros da prisión irá identificado cun logo diseñado especialmente para este proxecto, para reivindicar todas as vidas roubadas polo encerro.

¿QUE MATERIAIS SE PODEN ACHEGAR?

ROUPA E CALZADO: preferiblemente de abrigo, os cárceres de Galicia son fríos e húmidos, e roupa interior, pois na prisión danche un calzón ou unha braga e ahí te apañes...
MATERIAL DE LECTURA: a literatura e a información de actualidade axuda ás persoas presas a afastarse do monótono e lento paso do tempo, e a conectar co exterior. Para poder metelos dentro han de ter depósito legal. Se che apetece personaliza o material.
PAPEL, SOBRES E SELOS: As cartas son en prisión a principal ferramenta de comunicación ca familia, cxs amigxs. E para defenderse a si mesmas dos abusos da institución e carceleiros, contactando con abogados, asociacións e solidarixs.
DIÑEIRO: a maioría de cousas que poden precisarse no cárcere só poden comprarse dentro, pois doutro xeito as empresas que detentan o monopolio de suministro ás prisións non farían negocio. Así artigos básicos como comida medianamente decente e tarxetas telefónicas só se poden adquirir no economato, pagando.


¿ONDE DEIXAR O MATERIAL?
Durante o mes de maio nos bares onde se instalará a Feira Itinerante “Libre, Libre Quero Ser”:
• Bar Renque: do 5 ao 8 de maio
• Cafetería Grándola: do 9 ao 15 de maio
• Bar Chucas: do 16 ao 22 de maio
• Bar Trampitán: do 23 ao 29 de maio

Tamén poderás atoparnos o día 6 de xuño no bar Vagalume, no peche da feira. Se non podes ou prefires aportar material en calquera outro momento faino escribindo a gzsolidaria@riseup.net

PORQUE LIBRE LIBRE QUERO SER!
FAGAMOS DA SOLIDARIEDADE UNHA REALIDADE


Evento nunha rede social

extraido de Abordaxe Revista

Ningún comentario:

Publicar un comentario