Diríxolle
a presente dende o desespero dunha nai rota pola dor e pola incerteza
que nos xeran, a min e a toda a miña familia, os feitos que a
continuación lle expoño.
Son a nai de Emanuel Gómez Patiño, quen con 15 anos de idade, se
encontraba internado dende o mes de agosto pasado no Centro de Menores
Albaidel, en Albacete, cumprindo unha medida de internamento de seis
meses imposta polo Xulgado de Menores de Ciudad Real.
Encontrándose o meu fillo nesas circunstancias, o pasado 11 de setembro
de 2013, recibimos chamada telefónica da Comisaría de Policía de
Puertollano pola que se nos comunicaba que o meu fillo aparecera
aforcado no seu cuarto do devandito centro de menores, sen que nada
puidese facerse pola súa vida. Ao meu fillo enterrámolo o pasado día 13
de setembro.
Pois ben, pasaron xa máis de dous meses e medio dende a morte do meu
fillo e aínda non sabemos a concreta razón desta. Non sabemos se o meu
fillo se suicidou -iso é o que nos din- ou se alguén rematou coa súa
vida, porque no Xulgado de Instrución n.º 3 de Albacete no que se segue
procedemento xudicial pola morte do meu fillo, nin consta informe da
autopsia, nin consta acta de levantamento de cadáver, nin consta un
atestado policial, nin consta declaración de ningún responsable do
centro, nin tan sequera dos vixilantes de seguridade e técnico que, ao
parecer, descubriron a situación.
Esta incerteza, descoñecer a verdadeira causa da morte do meu fillo
estanos a esnaquizar a toda a familia. Non damos crédito ao que se nos
di de que o meu fillo se suicidase, cando unha hora e media antes da súa
morte estiven falando por teléfono con el con absoluta normalidade.
A familia temos a sensación de que a ninguén interesa esclarecer o
acontecido co noso fillo, ningunha noticia do feito apareceu en ningún
medio de comunicación (salvo unha pequena nota nun xornal dixital de
Ciudad Real) non alcanzando a comprender como un suceso como o descrito,
acontecido a un menor nun centro de menores dependente da "Consejería
de Sanidad y Asuntos Sociales de la Junta de Comunidades de Castilla-La
Mancha", non transcendeu a ningún medio de comunicación de Albacete.
E esa sensación de que a ninguén interesa esclarecer o acontecido co
noso fillo acrecentase cando nos decatamos de que no ano 2009 o
"Defensor del Pueblo de Castilla-La Mancha" xa iniciara unha
investigación do centro Albaidel por exercerse violencia sobre os
menores, ou cando no "Informe anual 2011 do Mecanismo Nacional de
Prevención da Tortura" elaborado polo "Defensor del Pueblo", non o da
nosa comunidade -xa desaparecido- senón a institución dirixida por Dª
Soledad Becerril, se denunciaban múltiples deficiencias existentes no
Centro de Menores Albaidel.
Acudo en definitiva a vostede e ao seu medio de comunicación porque non
encontro mellor vía para denunciar a miña situación e a da miña familia,
e porque non entendemos como as circunstancias da tráxica morte da nena
de Santiago de Compostela poden estar tan aclaradas, e no caso do noso
fillo non teñamos a máis mínima noticia distinta do dito, que apareceu
aforcado no cuarto da institución pública que estaba obrigada a velar
pola súa vida e pola súa integridade física.
Moitas grazas. Esperanza Patiño
extraido de AbordaxeRevista
Ningún comentario:
Publicar un comentario