15/10/14

Comunicado Ante A Detención de Raúl Agulheiro. Que Voltem Para A Casa.


2014-10-08 22.27.07

A pasada sexta feira, dia 3 de outubro, asistíamos a un novo caso de violación dos dereitos fundamentais dun cidadán galego por parte do Estado español; desta vez, a vítima foi o noso amigo e compañeiro Raúl Agulheiro Cartoi, detido en Compostela, no medio dun desproporcionado dispositivo da garda civil, e dunha cruel campaña mediática de crimininalización e xulgamento paralelo.
Desde a Asociación de Familiares e Amizades d@s Pres@s Polític@s Galeg@s, queremos, en primeiro lugar, agradecer as mostras de cariño e solidariedade chegadas desde numerosos puntos do País e do Estado.
Queremos agradecer especialmente ao movemento xuvenil independentista e nacionalista galego a súa mostra de madurez política ao faceren públicos diversos comunicados de solidariedade e apoio ao noso compañeiro Raúl.

Consideramos necesaria a implicación do tecido político e social do noso país no referente á defensa e á esixencia do cumprimento dos dereitos humanos fundamentais internacionalmente recoñecidos e asumidos polo Estado español ao ratificar os instrumentos internacionais que os recollen.
Que Voltem Para a Casa é unha entidade de carácter apartidario e independente de calquera organización política ou social; conformamos unha asociación de carácter estrictamente humanitario, desde a que proporcionamos solidariedade e apoio a presos e presas políticas galegas e ás súas familias, e denunciamos a situación de excepción na que se atopan. Comentar, en relación con isto, que onte coñecíamos pola prensa que Estrasburgo condea, por sexto ano consecutivo, ao Estado español pola vulneración da prohibición da tortura, contemplada no art.3 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos.
Denunciamos a violación da lexislación estatal vixente en materia de dereitos humanos das persoas presas e detidas, e o incumprimento sistemático do Estado español con respecto ás súas obrigas en virtude do Dereito Internacional , concretamente aplicando ás presas e presos polític@s galeg@s a “detención incomunicada”, que implica para a persoa detida:
- A posibilidade de que a custodia policial poda ampliarse en 48 horas, o que contravén, como xa lle sinalou o Comité Europeo para a Prevención da Tortura ao Estado español, o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, que estipula que toda persoa arrestada “deberá ser conducida sen dilación á presenza dun xuiz ou doutra autoridade habilitada pola lei para exercer poderes xudiciais” (art.5(3))
- Non ter dereito a informar a unha terceira persoa da súa situación nen paradeiro.
- Non ter dereito a designar médic@ da súa elección. A este respecto, sinalar que existen recomendacións concretas tanto do Comisionado Especial de Nacións Unidas Contra a Tortura como da Organización internacional Human Rights Watch que fan referencia á necesidade de que toda persoa detida teña dereito a ser examinada por un médico ou médica da súa eleición, como salvagarda contra a tortura.
- Non ter dereito a designar ao seu propio avogado ou avogada.
- Non ter dereito a ver á avogada de oficio desde o comezo da detención; o primeiro contacto é cando se realiza oficialmente a primeira declaración policial, que no caso das detencións incomunicadas pode ocorrer despois de tres e, nalgúns casos, de cinco días de incomunicación. En canto a isto, é necesario apontar que o Comité de Dereitos Humanos e o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos consideran que toda persoa ten dereito á asistencia xurídica desde o primeiro momento, e isto, tal e como sinalan, é aplicábel aos períodos previos ao xuízo, o que inclúe o período de custodia policial.
- Non ter dereito a consultar có/coa avogad@ de oficio en privado, violando así os Principios Básicos da ONU sobre a Función da Avogacía, que requiren que “a toda persoa arrestada, detida ou presa, se lle facilitarán as oportunidades, o tempo e as instalacións adecuadas para recibir visitas dun/ha avogad@, entrevistarse con él/a, e consultarlle, sen demora, interferencia nen censura, e en forma plenamente confidencial. Estas consultas poderán ser vixiadas visualmente, mais nunca se escoitará a conversa”. Por outra banda, o Comité Europeo para a prevención da Tortura califica de inxustificábel este feito, e ten reiterado ao Estado español en numerosas ocasións que á persoa detida se lle debería permitir a asistencia d@ súa/seu avogad@ desde o comezo da detención, e que éste/a debería estar presente durante os interrogatorios que se realicen nas dependencias policiais.
Calquer persoa acusada dun crime, cometera o delito que cometera: desde asasinatos ou violacións, até persoas con responsabilidades públicas que rouban cartos públicos … teñen dereito a informar aos seus familiares da súa situación e paradeiro, a elexir ao/á seu/súa propi@ advogad@, a seren asistidas por el/a desde o primeiro momento, a consultarlle en privado. Mais as leis excepcionais aplicadas às nossas presas néganlles o cumprimento destes direitos básicos e fundamentais.
A nivel internacional, existe un consenso entre os organismos de Direitos Humanos das Nacións Unidas en canto a que a DETENCIÓN INCOMUNICADA deberia estar prohibida, dado que da lugar a graves violacións dos Dereitos Humanos; mais o governo español ignora sistemáticamente os chamamentos das autoridades internacionais para que elimine este réxime.
O Comité Contra a Tortura das Nacións Unidas amosou a súa fonda preocupación ao respecto, sinalando que a incomunicación “facilita a comisión de actos de tortura e malos tratos”; neste sentido, e pese a que o compañeiro Raúl xa nos informou de que o trato nas dependencias policiais foi correcto, temos que lembrar que a Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas declarou que a detención incomunicada resulta, en sí, unha forma de trato cruel, inhumano, degradante, e incluso de tortura.
Denunciamos tamén o uso sistemático nos casos d@s pres@s polític@s galeg@s do SECRETO DE SUMARIO, medida que debilita seriamente o dereito da persoa detida a unha defensa efectiva, e imposibilita o exercicio d@s advogad@s defensoras/es, que non teñen dereito a ver nengunha proba nen receber información sobre a investigación en curso; non acontece o mesmo có fiscal, que sí ten estes dereitos, e pode participar nas investigacións e dilixencias xudiciais e policiais, quebrantando así o Principio de Igualdade Procesal.
Denunciamos a utilización desmedida e abusiva da prisión preventiva contra as persoas detidas na Galiza por causas políticas, que viola o principio da presunción de inocencia e a súa finalidade é a de anticipar a pena às persoas procesadas e presas por feitos nen probados nen xulgados.
Así mesmo, denunciamos o papel de tribunal de excepción que a Audiencia Nacional xoga no procesamento das persoas detidas por motivos políticos, dado que viola o Principio Constitucional de Territorialidade, é dicir, do dereito ao procesamento por parte dun tribunal radicado no lugar onde sucederan os feitos dos que se lles acuse.
Denunciamos a dispersión, medida excepcional que o Estado español aplica ás presas e presos políticos e que é contraria á Lei Orgánica Xeral Penitenciaria, que establece que o centro no que cumplir condea debería ser o mais próximo posíbel ao domicilio da persoa presa, a fin de evitar o seu desarraigo social. Esta medida ten unha finalidade estritamente punitiva e de extensión do castigo ás familias e amizades das persoas presas, que asumen un enorme custe económico, emocional, de tempo e de saúde, poñendo en xogo as súas vidas polo risco acrecentado de accidentes na estrada.
Denunciamos o réxime penal pechado ao que están sometidos @s pres@s polític@s galeg@s e a súa cualificación en primeiro grao e FIES de xeito automático, subxectivo, colectivo e indiscriminado, e sen razoamento xurídico, o que supón unha aberrante ilegalidade e violación dos seus dereitos fundamentais. Ademais, trátase dun réxime penal inhumano, arbitrario e declarado ilegal polos propios tribunais españois, e que ampara a violencia continuada contra as persoas presas.
Denunciamos as condicións de vida nas prisións e o tratamento arbitrario do que son e foron obxecto en máis dunha ocasión, e que se manifesta na recepción arbitraria da correspondencia e obxectos, o réxime de illamento e incomunicación, agresións físicas e verbais, humillacións ás familias, maltrato psicolóxico, privacións, desatención sanitaria, alimentación deficiente, mínimas posibilidades de formación e lecer, comunicacións intervidas e limitadas, visitas limitadas e arbitrariedades de todo tipo no réxime de visitas e comunicacións.
Por todo isto, esiximos:
1. A derrogación da lexislación antiterrorista que provoca o desamparo xudicial e a indefensión das persoas detidas.
2. A posta en marcha de todos aqueles mecanismos xurisdicionais e protocolos que garantan a integridade física e psicolóxica das persoas durante as detencións.
3. A derrogación da xurisdición excepcional da Audiencia Nacional e o xuízo das persoas procesadas por un tribunal territorial ordinario.
4. A desactivación da lexislación de excepción impropia dun Estado democrático, co fin de evitar o uso sistemático da prisión preventiva, do 1º grao penal, máis do réxime FIES.
5. O traslado dos presos e presas políticas galegas a un centro penal situado na Galiza, rematando deste xeito coa medida ilegal da dispersión e evitando o seu desarraigo social e cultural.
6. Unhas condicións de vida dignas e humanitarias dentro das prisións.
7. O posicionamento explícito, claro e inequívoco das organizacións políticas galegas en contra da política penal aplicada aos presos e ás presas políticas galegas, que vulnera a lexislación estatal e internacional en materia de dereitos humanos das persoas presas e detidas.
Queremos tamén manifestar a nosa solidariedade có compañeiro Heitor Naia, que está a ser xulgado nestes días na Audiencia Nacional, e que se enfronta a unha petición de 17 anos de prisión polos supostos delitos de “pertenza a organización terrorista” e “danos con finalidade terrorista”.
Manifestamos, así mesmo, todo o noso apoio e solidariedade coa familia e amizades do compañeiro Raúl, que facemos extensível ao resto das familias e amizades das presas e dos presos políticos galegos; a elas e eles queremos transmitirlles que non imos desistir no noso empeño de denunciar esta situación; non imos parar, até trae-l@s, a todas e todos, de volta para a casa.
Na Galiza, 8 de outubro de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario