Artículo extraído de Abordaxe Revista:
Traducimos e colamos de El Confidencial
Cando
Manuel se achega á cadeira do pequeno cuarto onde recibe o xornalista,
móvea coma se non pesase. Os brazos longos ondúlanlle ao lado do corpo,
alto e delgado. Séntase, axústase o abrigo branco e entrecruza as mans
ata escondelas entre as pernas. Ten case 50 anos. Caracterízano unha voz
profunda, o aire distendido e a tranquilidade coa que conta o brote
psicótico que lle sobreveu cando, en 2006, ingresou no cárcere por
segunda vez.
Fala nunha despacho dunha ONG madrileña, lonxe dos muros da prisión na que pasou seis anos a pesar da súa enfermidade mental.
A comunidade científica considera unánimante que o ambiente
penitenciario non é apto para persoas con patoloxías deste tipo como
destaca o estudo que un equipo de médicos elaborou en 2007 para a Unión Europea. A Lei española define "inimputables"
aos que por unha alteración psíquica non poden comprender que un feito
sexa ilícito ou non e, polo tanto, non se lles pode condenar a prisión.
No caso de Manuel, nin sequera se tivo en conta a súa enfermidade
durante o xuízo. Esa mesma enfermidade pola que, anos despois, o sacarán
do cárcere.
Polo menos o 25% dos internos nos cárceres españois padece unha
enfermidade mental
, segundo o mesmo Ministerio de Sanidade detalla na "Estratexia Global de actuación en Saúde Mental". Como poñen de manifesto os datos analizados para realizar esta reportaxe, cada ano rexístranse máis de 40 consultas especializadas de psiquiatría cada 100 presos.
A análise dos datos oficiais da Administración indica que, de media, o
46% dos ingresos nas enfermarías dos centros penitenciarios están
motivados por unha patoloxía psiquiátrica, ao redor de 25.000 casos nos últimos tres anos. Un médico que acuda a un cárcere español ten que atender, nun ano, a máis de 420 casos deste tipo como media.
Institucións Penitenciarias non coñece exactamente cantos enfermos mentais hai nos cárceres,
onde se sitúan ou cantos deles foron declarados inimputables. Manuel
Arroyo Cobo, subdirector xeral de Coordinación de Sanidade en
Institucións Penitenciarias, recoñeceu este feito: "Os datos que temos
son estimacións a partir dos estudos epidemolóxicos dispoñibles". Unha
carencia que é só un elo máis da cadea de erros e lagoas que, impulsada
pola escasa vontade política, condena ao esquecemento e á desatención
aos presos con problemas de saúde mental.
"Algo está fallando"
Manuel, que prefire que non se publique o seu nome real, padece
esquizofrenia, unha patoloxía que implica unha desorde mental cuxas
causas seguen sen esclarecerse e que provoca un vasta gama de
alteracións psíquicas e sociais. A Manuel diagnosticáronlla en 1993. No
seu segundo ingreso en prisión, a enfermidade mesturouse cun delirio por
abstinencia de cocaína e heroína. Levaba tres días de detención, tres
días sen meterse. "Fixera dezaoito atracos nun mes. Tiña moito diñeiro, sabes?",
explica con voz prácida. No banco dos acusados, ninguén pediu que se
realizase un informe pericial que descubrise o seu estado de saúde
mental. Condenárono a dez anos de cárcere.
Era o ano 2006. A directora de Institucións Penitenciarias era Mercedes
Gallizo. A pesar de que deixase o cargo en 2011, hoxe segue recordándose
unha afirmación súa habitual en conferencias e congresos: "Algo está a fallar, cando para moitas persoas o camiño á enfermidade mental ten a súa última etapa no cárcere".
A primeira razón pola que algo falla, encóntrase xustamente nos
xulgados: alí é onde a enfermidade pode non ser detectada en persoas
como Manuel. "Salvo que a minusvalidez sexa moi evidente, a súa
detección encóntrase en mans do propio imputado ou do seu letrado",
explica Carlos García Castaño, avogado penalista que atesoura unha longa
experiencia na asistencia legal a persoas con problemas de saúde
mental.
Os maxistrados non adoitan saber que están a xulgar unha persoa que
padece problemas psíquicos. "A gran parte das persoas con trastornos
mentais no ámbito penal teñen avogados de oficio, que descoñecen a historia persoal, familiar e social da persoa",
indica García Castaño. Resulta dificil admitir que un familiar está
enfermo, e aínda menos que un familiar está enfermo e ten problemas coa
Xustiza. "A miúdo, o acusado e a súa familia prefiren non poñer de
manifesto o seu trastorno mental, pensando que lles poida prexudicar",
conclúe o avogado.
Manuel, non obstante, si tiña unha diagnose da súa enfermidade,
detectada trece anos antes, cando ingresou en prisión por primeira vez.
Ao non ser indentificable á primeira vista, o xuíz do caso preferiu
decretar unha condena ao uso. Aínda cando o informe non se extraviase,
como foi o caso de Manuel, teríase podido evitar a inclusión dun enfermo mental no medio penitenciario?
O doutor Francisco Orengo é especialista en Psiquiatría Legal. Cando un
xuíz o cree necesario, este médico acode a avaliar o acusado para
definir a súa capacidade de xuízo. "Faise un informe, onde se contesta á
pregunta nai: se unha persoa ten trastorno mental e se ese trastorno
puido influenciar a capacidade de discernimento entre o ben e o mal, ou a
capacidade de xuízo", explica Orengo.
"O problema é que hai moita xente que non é examinada sendo inimputable",
sentencia o doutor Orengo, xa que se o xuíz non detecta indicios, o
informe pericial se leva a cabo. Entón, o primeiro filtro para evitar o
ingreso de enfermos mentais no cárcere cáese. "A peza clave de que o
sistema penitenciario estea cheo de enfermos psiquiátricos é que ese
informe pericial non é obrigatorio", apunta. Sería unha cuestión
saudable que houbese exames psiquiátricos de rutina, que permitisen
facer, groso modo, unha discriminación," asevera Orengo. Da mesma forma
que consegue os controis pola SIDA ou a tuberculose, engade este
psiquiatra, se melloraría a convivencia entre todos os presos, sans ou
non.
Se así fóra, Manuel tería sido recoñecido como inimputable e tería sido condenado só a preservar algunha medida de seguridade e non a ingresar en prisión. O artigo 96.2 do Código Penal
prevé ese tipo de medidas para persoas que padecen unha enfermidade
mental e teñen problemas coa xustiza. Se as medidas de Seguridade son
privativas de liberdade, o acusado é ingresado nun Hospital Psiquiátrico
Penitenciario. En toda España existen dous: un en Sevilla, que conta
con 371 prazas, e outro en Alicante, onde hai 158 camas.
Como destaca a propia Administración,
serven "para o cumprimento de medidas de seguridade impostas por razón
de inimputabilidad completa ou incompleta". Non obstante, moitas das
medidas de seguridade acaban cumpríndose nunha prisión común. Ademais
dos expertos citados, os datos confirman esta hipótese: só en 2011
ingresaron en prisión ao redor de 600 persoas que delinquiron debido a
problemas psíquicos recoñecidos e foron condenadas a medidas de
seguridade, cifra que aumenta co crecemento da poboación reclusa. "A miúdo o xuíz non ten ningún outro recurso, á parte do cárcere, ao que enviar ao imputado", admite Cobo, subdirector de Sanidade de Institucións Penitenciarias.
Os que ingresan nun Centro Psiquiátrico Penitenciario tampouco
encóntranse no sitio apropiado. Así o indica a mesma administración
penitenciaria, nun informe que é parte da Estratexia Nacional de Saúde 2009-2013 do Ministerio de Sanidade: considérallos un recurso baseado nun modelo "hoxe xa superado".
Trankimazin para durmir
Manuel entrou nun cárcere da Comunidade de Madrid. Alí estivo ingresado
nun módulo xunto a reclusos comúns ata que un día, mentres estaba a
xogar unha partida de mus, se puxo moi nervioso. Da nada, dunha
situación na que estaba tan tranquilo como cando describe ese momento:
Dígolle ao funcionario que me sinto mal, se podo ir a enfermaría. Vou ao
médico de garda, explícolle a situación, e contéstame: 'O único que podo facer é picarte para quitarche o colocón' ".
O doutor daba por feito que Manuel se drogara. "Non" consumira "nin
medio porro. Discutimos e enleeime con el", explica. Ese mesmo día,
ingresou no módulo de illamento por agredir o médico. En 2008, foi
trasladado a outra prisión do norte de España. Ao principio foi atendido
na enfermaría, onde puido apuntarse á lista que lle facilitaba ser
atendido por un psiquiatra. "O doutor viña unha vez cada dous meses,
nunca me viu máis que catro ou cinco minutos. Dicíame que non lle dese a
chapa, que el tiña moita xente," recorda Manuel. Preguntábache: "non
dormes ben? Toma, dous trankimazines", e prescribíalle ese potente ansiolítico.
Neste caso, as consultas psiquiátricas levábanse cabo no mesmo centro
penitenciario, pero non é insólita a súa derivación a centros
hospitalarios externos. Sumando ambos os dous tipos de actuacións,
resulta que cada ano se realizan, de media 423 consultas psiquiátrica por cada un dos 68 centros
penitenciarios españois, como se puido comprobar tras unha análise de
datos oficiais. As fonte consultadas confirman o escaso tempo do que un
psiquiatra dispón para atender aos presos: "é difícil que vaia a un
cárcere máis dunha vez ao mes", explica un especialista do sector que
prefire permanecer anónimo.
A consecuencia é que as consultas están abarrotadas, as visitas
son rápidas e os presos están practicamente desatendidos. A medicación
que recibiu Manuel empeorou a súa situación, levándoo a un estado de
depresión profunda. No mesmo prospecto do Trankimazin,
o medicamento que se lle subministraba e que comercializa o xigante
farmacéutico Pfizer, pode lerse que o seu uso se desaconsella cun
trastorno dese tipo.
Foi entón cando Manuel se autolesionou por primeira vez. Cortouse as
veas na súa cela. Foi ingresado a tempo no hospital máis próximo.
"Quedeime hospitalizado durante tres meses e volvín cun informe que
aconsellaba o meu ingreso no módulo de enfermaría", sinala. Entón
entrou no Programa de Prevención de Suicidios, plan co que a
Administración penitenciaria conseguiu reducir o número de suicidios nos
cárceres españois, segundo indican os datos do Informe de Mortalidade en Institucións Penitenciarias para o ano 2010.
Manuel recorda "o luxo" da á psiquiátrica con respecto ás celas comúns,
se ben sinala que alí " os funcionarios te berran todo o día, acúsante
de finxir estar mal só para ir alí". Tras unha rifa cun funcionario de
prisións que traballaba na enfermaría coñecido entre os internos como
"Pelopincho", chegou o seu segundo intento de suicidio. "Fun diante del e
corteime as veas", relata o entrevistado.
Despois de varios traslados a un hospital público, a situación de Manuel
mellorou lentamente: o psiquiatra deu co medicamento máis axeitado para
el. E ao centro penitenciario ditaminou un novo diagnóstico: Esquizofrenia.
Vontade Política
Este tipo de asistencia especializada, en colaboración coa Sanidade
Pública autonómica, desenvólvese de forma desigual nas diferentes
comunidades autónomas. Non obstante, non tería que ser así: a lei 27/2003, do 28 de maio, na súa disposición adicional sexta
establece que a Consellaría de Sanidade de cada Comunidade asumiría o
control da Sanidade Penitenciaria Especializada, evitando que se trate o
enfermo dentro do cárcere. A transferencia desta competencia, segundo a
lei, tería tido que producirse nun prazo de 18 meses.
Trátase dunha disposición que "trata de maximizar as consecuencias
curativas sen renunciar a outros obxectivos do sistema xurídico para
evitar a impunidade ou o paternalismo", explica Ángel Luis Ortiz, xuíz
de vixilancia penitenciaria no Xulgado número 1 de Madrid. Indica que
"un dos seus obxectivos é facilitar a adhesión ao tratamento, a
través de mensaxes claras e convenientemente explicadas,". Pero, coa
excepción de País Vasco e Cataluña, a Lei non se aplica no resto de
España. E elimina un terceiro filtro para evitar o desamparo dos
enfermos mentais no medio penitenciario.
Manuel Arroyo Cobo, subdirector xeral de Coordinación de Sanidade en
Institucións Penitenciarias, asegura ao xornalista que "a transferencia
non pode acontecer se non hai vontade política para levala a cabo". Cobo
explica o que achegaría a aplicación da Lei: "Ningunha das administracións por se soa ten os recursos para seguir os enfermos psiquiátricos: é necesaria a coordinación para que se poñan todos os recursos posibles a disposición dun xuíz que condena a un enfermo".
A última vez que o Congreso dos Deputados abordou o tema foi en maio de
2009, cando Esquerda Unida preguntou por escrito ao Goberno de Rodríguez
Zapatero detalles sobre a aplicación da disposición sexta. Na resposta, destaca que "a maioría de Comunidades" non "se manifestaran formalmente sobre o estado da transferencia".
Mentres se escribe esta reportaxe, IU-CV permanece pendente dunha
resposta sobre o mesmo asunto, formulado agora ao Executivo de Mariano
Rajoy, catro anos despois de que se tratase por última vez no ámbito
estatal.
En 2009, Manuel xa fora cambiado de prisión dúas veces. Á volta do
hospital, diagnóstico en man, ingresou no Programa para a Atención
Integral a Enfermos Mentais, coñecido como programa PAIEM.
Deseñado en 2007 para "a detección, o diagnóstico e o tratamento dos
internos que sufran algún tipo de trastorno mental", o Programa está
pendente dunha avaliación. En 2012, segundo os datos que a Subdirección
Xeral de Sanidade facilitou para esta investigación por correo
electrónico, 1769 internos foron incluídos no PAIEM.
A Fundación Manancial púxose en contacto con Manuel cando asistía ao
PAIEM. "Dona Carmen", como o ex preso recorda con cariño a directora do
centro penitenciario, concedeulle o terceiro grao por enfermidade mental tras a asistencia da Fundación. Agora, fóra do cárcere, busca traballo nun centro de reinserción laboral.
Á espera da aprobación da Reforma do Código Penal, aínda en fase de
anteproxecto, os expertos consultados esperan que os datos e as
avaliacións do PAIEM, implantado xa hai catro anos, poidan esclarecer
esta realidade esquecida. "Se xa é un problema estar preso" -explica
Manuel-, "imaxínate estar preso cunha enfermidade mental; sen que
ninguén cha recoñeza".
*Este artigo foi elaborado por Daniele Grasso, Eva Constantaras e Marcos García Rey.
Ningún comentario:
Publicar un comentario