(extraido de Abordaxe Revista)
MANIFESTO DO COMITÉ DE SOLIDADARIEDADE COAS REPRESALIADAS POLÍTICAS
Actualmente estamos a vivir unha escalada represiva brutal que
resposta ao crecemento do descontento social por mor dunha crecente
desigualdade que está levando ao aumento da mobilización social. Esta
represión encádrase dentro da situación actual de crise, pero non é nada
novo, senón unha necesidade de calquera Estado capitalista para conter
as protestas do pobo.
Neste contexto de loita polos dereitos e conquistas históricas das
traballadoras, aparecen novas leis de terror como a nova Lei de
Seguridade Cidadá e a reforma do Código Penal, que endurece aínda máis o
castigo contra todas aquelas que erguen a voz e loitan, estendendo a
represión a sectores da poboación cada vez máis amplos. Tanto ten que
sexa unha estudante, unha traballadora, unha parada ou unha migrante, a
brutalidade policial, as detencións… cada vez van a peor.
Estas agresións sófrenas especialmente as persoas presas. Así
encadramos o noso proxecto dentro dunha loita anticarceraria e
antirrepresiva ampla, pois non damos a este estado criminal a
lexitimidade para encerrar a ninguén, xa que sabemos que a maior parte
dos delitos non existirían sen desigualdades sociais, sumándolle a isto
que o que lles espera a estas persoas en prisión son unhas condicións de
vida inhumanas. Dentro desta loita ampla, centramos a nosa actividade
na loita pola liberdade das máis de 400 presas políticas no Estado
Español, 15 delas galegas, dispersadas a miles de quilómetros da súa
familia.
Aínda que xa existen plataformas e iniciativas solidarias e
antirrepresivas, nós queremos construír un movemento solidario unitario e
amplo, que supere as divisións e os sectarismos, ao igual que tratamos
de vincular esta coa loita xeral contra a oligarquía financeira
española. Só así poderemos lograr os nosos obxectivos.
Por todo isto, xorde o noso Comité de Solidariedade cas Represaliadas
Políticas (CSRP), no que conflúen persoas de diversas sensibilidades
políticas, co obxectivo de traballar e actuar unidas de cara a difundir a
solidariedade e facerlle fronte á represión.
O CSRP está aberto á colaboración con individuos e colectivos na causa
solidaria e antirrepresiva e prestaremos a nosa axuda a toda aquela que
estea a sufrir a represión. Non obstante, o Comité é independente, e
manterase separado orgánica e economicamente de calquera organización ou
institución, especialmente daquelas que sexan cómplices ou parte activa
na represión.
O CSRP propón unha serie de puntos mínimos polos que loitaremos e os cales reivindicaremos:
1. Amnistía! Liberdade para TODAS as presas políticas e sociais.
2. Derrogación de todas as leis represivas, como a Lei de Seguridade
Cidadá, a Lei Antiterrorista ou a Lei de Partidos, o réxime FIES, etc.
3. Disolución do tribunal político herdado do franquismo chamado Audiencia Nacional.
4. Disolución de todos os corpos represivos do Estado.
5. Anulación de calquera sanción administrativa ou penal en proceso por motivos políticos.
6. Liberdades políticas e sindicais plenas para a clase obreira e o
pobo. Polo respecto ás liberdades de expresión, asociación, reunión,
folga e manifestación.
7. Supresión de todos os CIEs do estado español.
8. Xulgamento dos responsables políticos e policiais da represión, torturas, crimes de Estado, etc.
9. Esixencia activa do respecto da dignidade de calquera presa.
Contra a represión, unión e solidariedade!
Comité de Solidariedade coas Represaliadas Políticas (CSRP).
Galiza, novembro 2014.
(
*) Introducción da noticia x eDu