13/06/13

Preso galego con doenza grave en folga de fame


Extraido da Web de Esculca
 
Contra as condicións extremas a que está sometido
10/06/2013
José Antonio Vilasó Pardavila, preso galego actualmente interno no Centro Penal de Mansilla de las Mulas, en León, iniciou unha folga de fame para protestar polas duras condicións de illamento a que está sendo sometido a pesar de padecer SIDA e cancro linfático en estado moi avanzado, que o obriga a seguir un tratamento de quimioterapia.
A pesar da súa extrema gravidade, tanto a Xunta de Tratamento do penal como o Xulgado de Vixilancia Penitenciaria de León, parecen ignorar estas circunstancias. A primeira, coñecida como unha das mais implacábeis do estado español pola dureza das medidas que aplica aos internos do penal, denegou a solicitude de excarceración por doenza terminal de Vilasó Pardavila alegando perigo, encanto o Xulgado demora inxustificadamente a resolución do recurso presentado contra tan despropositada negativa.
A todo isto súmanse agora a decisión do Centro Penitenciario de o trasladar a un departamento especial dentro da propia Enfermaria denominado "Zona Cero".
Como a lei prohibe aplicar a doentes graves o réxime de illamento, o C.P.  transladou o interno a este departamento para poder sometelo a un réxime de vida equivalente, con limitación de saídas ao patio (apenas dúas horas ao dia e en solitario) e restrición de comunicacións. A xustificación alegada para tomar tan drástica medida foi o interno ter dado dous bicos a unha coñecida o pasado 7 de xuño. Acción, ao parecer, prohibida (sic).
Convén lembrar que o pasado 3 de Abril o Parlamento Galego debateu en comisión unha Proposición non de Lei sobre a situación penitenciaria de persoas con arraigo na Galiza en que, entre outras cousas, se reclamaba que estas persoas pudesen cumprir condena en cárceres do país para evitar agravar o seu sufrimento e o da súa contorna afectiva.
En protesta pola situación de isolamento a que é sometido, Vilasó Pardavila iniciou unha folga de fame e rexeita todo tipo de medicación. Afirma preferir a morte antes de unha vida sen dignidade.
Colectivos solidarios solicitan se envien faxes ou mails interesándose polo seu estado e reclamando que sexan tomadas medidas urxentes para a súa excarceración, a mais urxente o cesamento inmediato do réxime de illamento e o translado ás dependencias comuns da enfermaria.
Centro Penitenciario de Masilla de las Mulas (núm. 987877410)
Xulgado de Vixilancia Penitenciaria nº 3 de León (núm.987895176)
Defensora del Pueblo (registro@defensordelpueblo.es) Tfn. 24 horas:  914327900

Ningún comentario:

Publicar un comentario