04/04/13

EsCULcA comparece como acusación popular por morte no cárcere de Bonxe


En causa aberta por morte no cárcere de Bonxe
04/04/2013
Con data 19 de marzo, a titular do Xulgado de Instrución núm. 1 de Lugo ditou resolución admitindo a comparecencia de  EsCULcA como acusación popular na causa que se segue pola morte de E.A.P.L., interno no cárcere de Bonxe que faleceu en agosto de 2011 durante unha saída autorizada e ao que presumibelmente non se prestou a asistencia médica debida no centro penitenciario.
O noso observatorio súmase así á denuncia apresentada no seu día por familiares da vítima despois de que E.A.P.L., de 33 anos, morrese na UCI do Hospital Universitario de Lugo onde fora ingresado de urxencia o primeiro día de permiso por unha pancreatite aguda e insuficiencia respiratoria.
Antes da saída, o interno queixarase repetidas veces ao médico do penal de fortes dores abdominais e constantes vómitos, mais o facultativo limitárase a prescribir unha dieta e receitar soro.

A familia asegura que a atención médica recibida por E.A.P.L. no penal foi insuficiente desde o seu ingreso. “Non lle daban os medicamentos para a diabete e no expediente aparecía diagnosticado un cancro de pulmón que non tiña”, afirman.

Agora, a juiza require información sobre o resto de presos ingresados na enfermaria entre os días 20 de xullo e 4 de agosto de 2011, sobre os facultativos que prestaban servizo no Hospital Xeral Calde de Lugo entre o 27 de xullo e o 4 de agosto e prestaron asistencia médica a E.A.P.L. e os informes médicos das visitas, recoñecementos e probas practicadas a E.A.P.L. entre os días 20 e 27 de xullo.

Tamén cita a declarar en calidade de testemuñas tres médicos do Hospital Universitario Lucus Augusti.

mais info na paxina de esculca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario