(extraido de Abordaxe Revista)
Colamos (e traducimos) da web Abogacía
esta reflexión do avogado José Alberto Blanco Rodríguez, membro da
Subcomisión de Direito Penitenciario do Consello Xeral da Avogacía
Española, sobre as persoas presas estranxeiras e sobre o delito de
atentado, que o autor sinala que ten que desaparecer, pois xa está o de
lesións:
As persoas estranxeiras falan distinto idioma, salvo as procedentes dos países hispanoamericanos. Isto implica que dependen doutros reclusos co seu mesmo orixe, moitos subsaharianos e magrebís, que coñezan o castelán para resolver calquera cuestión ou problema que lles xurda na prisión. Se queren realizar calquera reclamación no ámbito penal, non van ter un intérprete profesional que interveña na comunicación dun interno co avogado dos Servizos de Orientación e Asistencia Xurídica Penal, senón que hai que botar man do intérprete preso, que en moitas ocasións ten tamén un coñecemento limitado do idioma. E, en todo caso, acabouse o segredo profesional.
As persoas estranxeiras sofren traslados arbitrarios, lévanas ao Centro Penal que mellor lle parece á Secretaría Xeral de Institucións Penais, aínda que xa leven tempo noutro cárcere na que se abriron camiño no complicado mundo carcerario, lévanas igual. Nada importa.
As persoas estranxeiras non dispoñen de medios económicos, necesitan traballar, como todas as persoas presas, pero téñeno máis complicado que os reclusos españois. Necesitan traballar para poder chamar por teléfono aos seus familiares, e mesmo para enviarlles algo de diñeiro, pero iso ninguén o ten en conta.
Ás persoas estranxeiras aplícaselles facilmente a prisión preventiva polo risco de que escapen á acción da xustiza, con independencia do feito delituoso en si mesmo que é o que habería que valorar.
As persoas estranxeiras deberían estar documentadas e, se non o están, o centro penal ten a obriga de tramitarlles e facilitarlles a obtención da documentación. Utopía impensable.
A falta de contactos e apoio no exterior supón que non obteñen permisos de saída. A pesar de que os presos estranxeiros adoitan ser presos primarios, sen dependencias toxicolóxicas, novas e non reincidentes, como non hai persoas que lles acollan no exterior e ademais non teñen medios económicos, non se lles dá permiso.
Para obter permiso, unha das variante de risco é ser estranxeiro. ¿Por que? A maioría da poboación recluída estranxeira está clasificada en segundo grao penal e ten bo comportamento, pero ao non gozar de permisos, tampouco teñen acceso ao terceiro grao e cando cumpren a pena de prisión cúmprena en toda a súa extensión. E despois expúlsaselles.
O actual artigo 89 do Código penal dispón que as penas de prisión de máis dun ano impostas a un cidadán estranxeiro serán substituídas pola expulsión do territorio español. Fenomenal, e ¿aos españois por que non? Dirásenos que porque ningún país vailles a acoller. ¿Como que non?, o noso. ¿Non son españois? Os cárceres hai que abrilas. A pena de prisión ten que ser o último recurso.
O Código penal hai que cambialo por completo. Se todos somos iguais ante a lei, o delito de atentado ten que desaparecer, pois xa está o de lesións. Non pode ser que se ingrese para cumprir unha pena e, dentro de prisión, ao preso que non se adapta pola irracionalidade do sistema, castígueselle e teña que cumprir moitos máis anos de prisión por delitos contra a autoridade ou contra calquera que asuma que actúa en nome da autoridade. Nunha democracia non hai autoridade, o goberno debe estar ao servizo dos cidadáns e fundamentalmente dos de abaixo.
A política criminal deste país é a do dereito penal do inimigo, que somos todos ou a inmensa maioría, especialmente os do último chanzo.
Isto non pode seguir así. Cambiemos todas as leis punitivas para convivir confraternalmente todos. Lémbrovos o artigo 1 da Declaración Universal de Dereitos Humanos, do 10 de decembro de 1948:
“Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros”.
José Alberto Blanco Rodríguez, Avogado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario